Caderno de bitácora da candidatura do Persoal de Administración e Servizos (PAS) da universidade de Vigo

2010-05-24

Resultados provisionais das eleccións ao Claustro

Hoxe publicamos na web de Queicoiñas, os resultados provisionais das eleccións ao Claustro da Universidade de Vigo correspondentes ao sector do persoal de administración e servizos. Tendes a vosa disposición a relación dos candidatos e candidatas cos votos obtidos por cada quen, unhas táboas cos votos totais das candidaturas e unhas gráficas representativas das porcentaxes dos votos outorgados ás candidaturas e de claustrais de cada unha delas.

Agradecementos e felicitacións


Dende a candidatura Queicoiñas queremos agradecer a participación dos compañeiros e compañeiras do PAS neste proceso electoral e o apoio e confianza que co voso voto depositástedes nos candidatos e candidatas que presentabamos para formar parte do Claustro. Agradecemento que facemos extensivo as persoas dos demais sectores, estudiantes e docentes que participaron na elección dos novos e novas claustrais e do novo reitor.

Queremos aproveitar a mensaxe para felicitar ás persoas elexidas para formar parte do Claustro, e tamén, o novo reitor, Salustiano Mato.

2010-05-14

A participación política do PAS na Universidade

O dia 20, ademais de reitor, o persoal de administración e servizos elixe aos seu representantes no Claustro da Universidade. As candidaturas son individuais, con independencia da adscrición sindical, partidaria, asociativa de calquera clase ou mesmo a súa inexistencia, das persoas que concorren. Non son pois, as seccións sindicais, os partidos ou as asociacións, culturais, deportivas, gastronómicas ou de calquera outra clase as que se presentan ás eleccións, son as persoas traballadoras, dos servizos e a administración universitaria, as que se presentan para representar aos seu compañeiros e compañeiras. Iso si, a maioría agrupados en candidaturas, para elaborar e dar a coñecer as súas propostas, para presentalas durante a campaña electoral e para traballar xuntos no Claustro na defensa dos criterios, visións e posición do PAS respecto dos asuntos da súa competencia.

A diferenza do persoal doutras administracións cuxa participación organizada na defensa dos seus dereitos e criterios limítase a participación sindical, o persoal da universidade, sexa este da administración, os servizos, a docencia ou a investigación, participa nos procesos de decisión e toma de acordos pola súa pertenza aos órganos colexiados de goberno para os que son elixidos mediante votación democrática.

Esta participación é unha oportunidade para a consecución dos obxectivos propostos, ao tempo que implica unha responsabilidade na xestión dos recursos que a sociedade pon a disposición da universidade para que esta se encargue da educación superior, a investigación e transferencia de coñecemento.

Sendo este o xeito de funcionamento que permite a participación dos membros da comunidade universitaria, estudantes, persoal docente, investigador e de administración e servizos na xestión do seu goberno e a elaboración das súas políticas en materia de ensinanzas, formación e esculca, non está contemplada nin parece acaída a participación directa dos partidos políticos ou os sindicatos nas eleccións ao Claustro e a reitor, pois xa participan por dereito propio no Consello Social. Estes últimos, teñen, tamén na vida universitaria, reservado un rol ao igual que en calquera organización, na defensa dos dereitos do persoal.

2010-05-08

Máis por menos igual a Queicoiñas


Máis por menos igual a Queicoiñas. 
Esta pode ser unha mensaxe para a campaña electoral e para o novo periodo de sesións do Claustro que elexiremos votando o 20 de maio, logo de pasar por Santiago  para participar na manifestación convocada por Queremos Galego, para afirmar unha vez máis que  O Galego, é o noso existir
A Q de Queicoiñas é unha constante na Universidade de Vigo. Dende 1993 ven participando e formando parte dos órganos de goberno da Universidade: Claustro, Consello de Goberno e Consello Social, representando ao colectivo de persoal de administración e servizos (PAS), e seguiremolo facendo se contamos co apoio e o voto das nosa compañeiras e compañeiros. Nos vindeiros días iremos presentanvos as nosas ideas, propostas e apostas para que a relacións que establecen os signos (+), (-) e (x) postos en adecuada relación permitan mellorar a situación da Universidade e do seu persoal. 
Nesta convocatoria de + Cabeza e x Tano Mato, nos queremos conseguir outros resultados:
  • + profesionalidade - privatización = Universidade pública e galega
  • + xestión propia - asistencia técnica = máis eficiencia 
  • - autoritarismo + negociación = mellores acordos


2010-04-19

Eleccións Claustro 2010

Na pasada semana presentamos as candidaturas dos compañeiros e compañeiras que se presentan ás eleccións ao Claustro da Universidade de Vigo polo sector do persoal de administración e servizos (PAS). Nesta ocasión son nove compañeiras e nove compañeiros as persoas que forman parte da candidatura, dando así, un paso adiante no camiño pola conquista da igualdade de xénero na composición dos órganos de representación da Universidade.

2006-07-13

Constitución do Claustro

Onte constituíuse o Claustro da Universidade de Vigo. Os seus membros foran elixidos pola comunidade universitaria o pasado día 23 de maio. A reunión do Claustro tamén tiña por obxecto elixir os membros da Mesa e os seus representantes na Comisión electoral e no Consello de Goberno.

Os candidatos que presentou Queicoiñas para todos os órganos foron elixidos, aínda que no colectivo do persoal de administración e servizos non foi precisa a votación porque ao final o número de candidatos e postos a cubrir eran os mesmos. No suposto de que esta se producira, os resultados serían os mesmos, xa que asistiron todos os claustrais e as claustrais elixidos na candidatura de Queicoiñas. Cos nosos votos era suficiente.

Obtiveron tamén, un magnifico resultado, os candidatos e candidatas dos demais sectores, estudantes e profesorado, do Colectivo Nacionalista. Xunto con eles, ao remate do Claustro celebramos xuntos un xantar. As nosas felicitación e agradecemento para Domingos Amoedo e a súa xente que o prepararon e serviron.

O vindeiro 21, constituirase o novo Consello de Goberno. Queicoiñas terá dous representantes, un por elección e outra por designación do reitor, un será persoal laboral e outra persoal funcionario.

A partir de agora temos catro anos para levar adiante o noso programa, para levar a voz do PAS aos órganos universitarios de debate e goberno.

2006-05-24

Agradecemento


Onte celebráronse eleccións para elixir aos membros do Claustro da Universidade e o seu reitor para os vindeiros catro anos.

Dende Queicoiñas queremos en primeiro lugar, agradecer a vosa participación, con independencia de a que lle derades o voto, que como sempre ten sido moi importante. Queremos tamén felicitar ao claustrais electos, en especial aos que o foron polo sector do PAS, e desexarlles moito éxito no seu labor como representantes da comunidade universitaria.

Os nosos parabéns, por último, para o novo reitor, Alberto Gago

Nos vindeiros días iremos publicando a nosa opinión e análises do proceso electoral e os resultados. Aproveitamos para convidarvos a que deixedes os vosos comentarios e que convertamos este caderno de bitácora nun foro para o debate, as opinións e as propostas arredor da universidade.