Caderno de bitácora da candidatura do Persoal de Administración e Servizos (PAS) da universidade de Vigo

2006-07-13

Constitución do Claustro

Onte constituíuse o Claustro da Universidade de Vigo. Os seus membros foran elixidos pola comunidade universitaria o pasado día 23 de maio. A reunión do Claustro tamén tiña por obxecto elixir os membros da Mesa e os seus representantes na Comisión electoral e no Consello de Goberno.

Os candidatos que presentou Queicoiñas para todos os órganos foron elixidos, aínda que no colectivo do persoal de administración e servizos non foi precisa a votación porque ao final o número de candidatos e postos a cubrir eran os mesmos. No suposto de que esta se producira, os resultados serían os mesmos, xa que asistiron todos os claustrais e as claustrais elixidos na candidatura de Queicoiñas. Cos nosos votos era suficiente.

Obtiveron tamén, un magnifico resultado, os candidatos e candidatas dos demais sectores, estudantes e profesorado, do Colectivo Nacionalista. Xunto con eles, ao remate do Claustro celebramos xuntos un xantar. As nosas felicitación e agradecemento para Domingos Amoedo e a súa xente que o prepararon e serviron.

O vindeiro 21, constituirase o novo Consello de Goberno. Queicoiñas terá dous representantes, un por elección e outra por designación do reitor, un será persoal laboral e outra persoal funcionario.

A partir de agora temos catro anos para levar adiante o noso programa, para levar a voz do PAS aos órganos universitarios de debate e goberno.

2006-05-24

Agradecemento


Onte celebráronse eleccións para elixir aos membros do Claustro da Universidade e o seu reitor para os vindeiros catro anos.

Dende Queicoiñas queremos en primeiro lugar, agradecer a vosa participación, con independencia de a que lle derades o voto, que como sempre ten sido moi importante. Queremos tamén felicitar ao claustrais electos, en especial aos que o foron polo sector do PAS, e desexarlles moito éxito no seu labor como representantes da comunidade universitaria.

Os nosos parabéns, por último, para o novo reitor, Alberto Gago

Nos vindeiros días iremos publicando a nosa opinión e análises do proceso electoral e os resultados. Aproveitamos para convidarvos a que deixedes os vosos comentarios e que convertamos este caderno de bitácora nun foro para o debate, as opinións e as propostas arredor da universidade.

2006-05-19

Universidade pública e galega


Se cadra é esperable da universidade, pública, máis que doutras institucións, un nivel de mínimos no seu funcionamento especialmente esixente.
Isto vale para a súa función tradicional e básica, a docente, onde ao tempo ou antes que a excelencia, ben poderíamos –por imprescindible e máis doado- avaliar a suficiencia, en termos de dedicación, de intelixibilidade e de cobertura das materias programadas.
Vale para a investigación, onde a transparencia no uso de fondos e medios públicos e os lóxicos “retornos” deben estar garantidos para evitar derivas perigosas agora que aínda é tempo.
E vale para a administración dos medios universitarios que non determinan fins nin estratexias pero tampouco é un asunto residual nin o instrumento para darlle forma a decisións precociñadas, ou non en todo caso canto menos.
E falando de regras, mínimos e instrumentos podemos coller o caso das ferramentas lingüísticas formais do pais e da universidade, non hai nisto ámbitos nin niveis exentos.
Vexamos, cando nun lugar do mundo se toma a decisión de que a unha lingua antes proscrita, marxinada ou perseguida en moitos dos seus usos, se lle recoñece carácter oficial, estase adoptando unha decisión que implica un esforzo colectivo no cambio de usos e unhas consecuencias obrigadas en moi diversos campos: requirimentos na selección e promoción do persoal, accións fomentadoras, uso vehicular habitual nas actividades públicas, etc., ata acadar a pacificación efectiva co que xa ese se converte no exclusivo idioma oficial con autoridade. O contrario é manter por inercia, preguiza ou interese a situación e o réxime anterior.

2006-05-18

Integración das persoas discapacitadas


A Universidade é un servizo público que ten como funcións básicas a docencia e a investigación, pero o seu rol social transcende as súas competencias, pois ten protagonismo central na transmisión do coñecemento e o desenvolvemento cultural, social e económico. A Universidade debe ademais, situarse a vangarda na incorporación de políticas a favor igualdade e contrarias a exclusión dos cidadáns e cidadás.
Para integrar ás persoas con minusvalías e facilitarlles o acceso ao estudo e ao traballo en condicións de igualdade, propomos:

  • Promover políticas de integración dirixidas a persoas discapacitadas con necesidades especiais para desenvolverse no entorno universitario.
  • Darlle facilidades aos traballadores con minusvalías para realizar un traballo de calidade.
  • Fomentar programas de axudas e titorización aos alumnos e alumnas discapacitados que o precisen.
  • Achegar a Universidade a todos os cidadáns e cidadás que así o desexen eliminando ou reducindo os obstáculos para a súa accesibilidade

Profesionalización

O funcionamento profesional da administración pública é un mandato constitucional que se insire directamente no artigo 103 da vixente Constitución Española. En efecto, o deber de servir con obxectividade e eficacia aos intereses xerais esixe e obriga aos empregados e empregadas públicos a súa máxima capacitación profesional para, dende o respecto aos principios de neutralidade política e legalidade, desempeñar as responsabilidades e postos encomendados con decidida vocación de servizo público para a mellor contribución ao pleno exercicio dos dereitos e liberdades da cidadanía a que serve.

A profesionalización dos empregados públicos require non só que o seu recrutamento ou selección respecte escrupulosamente os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, senón tamén que o acceso ás funcións e empregos públicos se suxeite igualmente aos citados principios como garantía constitucional da súa cualificación, independencia e eficacia.

A este mesmo obxectivo fundamental contribúen un vigoroso e férreo réxime regulador das incompatibilidades e a plena esixencia do dereito e deber a unha formación continua por resultar isto imprescindible para a prestación dun servizo público de calidade e orientado á satisfacción das demandas cidadás .

2006-05-17

17 de maio


Neste 17 de maio das letras, da internet e as telecomunicacións. No día no que os xornais publican a portada en galego e as páxinas interiores en castelán, renovamos o noso compromiso coa lingua galega como ferramenta de comunicación, símbolo de identidade e patrimonio inmaterial universal. Contribuír a súa defensa é un dos obxectivos de Queicoiñas. Facemos unha aposta para que todos os días sexan para a lingua galega.

Na Universidade temos traballado na defensa, normalización e uso do galego. Ten sido das primeiras institucións na incorporación con carácter oficial da chamada normativa da concordia. Mentres se discutía noutros foros sobre a quen correspondía ordenar, autorizar ou proceder á implantación da nova normativa, a dirección da Universidade de Vigo, adaptou os seus impresos e incorporouna o uso cotiá. Así o rector e vicerrectores se deixar de selo, comezaron a asinar como reitor ou vicerreitor, vicerreitora. Isto pasou o outro día e parécenos que sempre foi así, porque se fixo a actualización normativa con normalidade, sen conflictos, como consecuencia do compromiso co pais e a súa lingua.

En Galiza, sempre en galego

2006-05-15

Elección representantes do PAS

Estamos en campaña electoral para elixir ós membros do Claustro da Universidade de Vigo que nos representarán neste novo ciclo. Tradicionalmente o PAS ten participado maioritariamente nos procesos electorais. Animámosvos a que participedes, coa seguridade de que novamente volveremos a facelo masivamente.
O sector do Pas elixe aos seus representantes entre o total do PAS, laborais e funcionarios, sendo a circunscrición electoral, única, para os tres campus. Nas papeletas de votación figuran todos os candidatos e candidatas que se presentan polo noso sector. As listas son abertas, é dicir, e nela escollemos a aquelas persoas que poidan gozar da nosa preferencia ou nos merezan confianza independentemente da agrupación ou lista pola que se presenten. Son 25 postos para representación do PAS no Claustro., sendo 18 o máximo de persoas ás que regulamentariamente se lle pode dar o voto.

Queicoiñas é unha candidatura que xa ten participado en representación do PAS. Na lista que presentamos, hai catro candidatos que aínda son claustrais e outros catro que o foron en anteriores ocasións. Coa renovación e coa experiencia dós seus candidatos, Queicoiñas presenta unha candidatura de compañeiras e compañeiros dispostos a traballar para o conxunto do PAS. Por iso, pedímosvos o voto para os nosos candidatos e candidatas

2006-05-11

Regulamento do PAS


Elaboración do Regulamento do PAS

Os Estatutos da Universidade, no seu artigo 119, encoméndanlle ao Claustro a aprobación dun Regulamento que deberá contemplar unha serie de materias reservadas polo xeral aos órganos colexiados de representación do persoal funcionario e laboral. A modificación da Lei 9/1987 de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das Administracións Públicas, en trámite no Senado, por unha banda, e a existencia na Universidade de Vigo dunha Mesa Xeral do PAS, constituída o 21 de decembro de 2005, co obxectivo de tratar as cuestión comúns ao persoal funcionario e laboral, por outra, aconsellan que sexa este órgano quen faga a proposta ao Claustro do Regulamento, e sexa este quen o sancione.
Para abundar na xustificación de esta proposta de procedemento para a aprobación do texto normativo, convén recordar as materias de persoal que este debe regular: situacións administrativas, selección, promoción, provisión, oferta de emprego, xornada e horario, participación en contratos, procedementos de selección, etc.
Trátase con esta proposta de que cada órgano exerza plenamente as súas competencias, a Mesa Xeral do PAS, elaborar e acordar o Regulamento, e ao Claustro, aprobalo ou devolvelo ao órgano propoñente.

2006-05-08

Programa electoral. Limiar




Programa eleccións ao Claustro 2006

Limiar

Foi no ano 1993, logo da elaboración dos primeiros Estatutos da Universidade de Vigo, cando nos presentamos ás eleccións ao Claustro baixo a denominación de Queicoiñas. Participaramos no Claustro Constituínte na Candidatura Aberta de PAS. Dende entón competimos con candidaturas converxentes, alternativas, unitarias, de conveniencia e autoproclamadas independentes cos máis firmes e diversos compromisos. Estivemos ás maduras e ás duras, con máis apoio e presenza nunhas ocasións, en minoría noutras, manténdonos fieis aos obxectivos que impulsaran a creación da candidatura, ata o punto de caracterizar un xeito de proceder na defensa dunha universidade pública, galega e de calidade.

Somos unha candidatura nacionalista, formada por traballadores e traballadoras da administración e os servizos universitarios, na súa condición de persoal funcionario ou laboral, de cidadáns comprometidos co país. A metade da candidatura coa experiencia dos compañeiros e compañeiras que xa participamos no Claustro e a outra metade coa frescura dos que agora se incorporan a ela.

No Claustro que agora se renova, mantivemos unha posición coherente cos compromisos asumidos no programa electoral. Dende a posición minoritaria que democraticamente se nos outorgou, chegamos ao fin do percorrido tal como o iniciamos, mantendo a unidade baseada na confianza e na coincidencia no proxecto.

Nestes derradeiros anos, vivimos un período complexo, obrigados á redacción duns novos Estatutos por imposición dunha Lei Orgánica de Universidades (LOU) que rexeitamos e combatemos, sumándonos ao esforzo da comunidade universitaria galega en contra da reforma aznarista que se mantén en vigor pese ás promesas de modificación do goberno.

Aprobáronse uns Estatutos, nos que coa nosa contribución, o PAS mantén a súa porcentaxe de presencia, pero pendentes de desenvolver, á espera das modificacións normativas de competencia estatal ou nacional. Facemos especial mención, ao Regulamento do PAS, recollido no artigo 119 dos Estatutos, no se relacionan as materias que canto menos deberán ser obxecto de atención e regulación polo mesmo.

A existencia, hoxendía, dun Regulamento de PAS, que estableceu no ano 1.995 órganos de representación comúns para o PAS funcionario e laboral, nos que tratar asuntos relacionados coa acción social, a formación ou a política de emprego, debeuse á participación da CAP na elaboración dos Estatutos e á determinación dos Queicoiñas na defensa dos dereitos do PAS fronte ás pretensións da PCUVI que daquela gobernaba á Universidade.

Diante dos novos retos que supoñen a adaptación ao espacio europeo da educación superior e para seguir contribuíndo ao crecemento e desenvolvemento dunha universidade comprometida co pais, presentámonos de novo ás eleccións cuns candidatos e candidatas dos tres campus, dos dous colectivos funcionarial e laboral, xunto cun programa e un compromiso na defensa dos intereses do PAS e a defensa dunha universidade galega, pública e de calidade.


Propostas programáticas

O PAS, como parte da comunidade universitaria, participa nos órganos colexiados de goberno da Universidade. Comparte, coa cota de representación que lle corresponde, a responsabilidade das decisións que estes adoptan, apoiando, rexeitando ou elaborando propostas sobre os asuntos que son competencia dos mesmos.

Ao PAS correspóndenlle, segundo os Estatutos as as funcións de xestión, actividades técnicas e administrativas, apoio, asistencia e asesoramento.

Tendo en conta esta dupla responsabilidade de tipo político e profesional, propomos as seguintes medidas:

  • Elaboración do Regulamento do PAS
  • Promoción profesional do PAS funcionario e laboral
  • Profesionalización da actividade administrativa e de xestión
  • Descentralización da actividade administrativa e de xestión
  • Conciliación das obrigas profesionais e persoais ou familiares
  • Elaboración de políticas de igualdade. Discriminación positiva
  • Integración das persoas con minusvalía no traballo e no estudio
  • Integración na Universidade de oficinas e áreas consolidadas

As propostas que realizamos irémolas desenvolvendo e explicando, enriquecidas coas achegas que xurdan, nos encontros e presentacións que faremos durante a campaña electoral.

Inicio campaña electoral

QUEICOIÑAS



Eleccións ao Claustro 2006


Aproveitando as novidades que nos ofrecen as TICs, presentamos este diario de bitácora como un soporte máis para a comunicación co persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo. Abrimos a primeira páxina co gallo das eleccións para o Claustro e o reitor. Serviranos para facilitarvos información durante a campaña electoral, dando conta do programa electoral, das opinións que a candidatura nos merezan as propostas dos candidatos e de aqueles asuntos que sexan obxecto de debate durante a campaña. Cando esta remate seguiremos utilizándoo para dar conta do traballo que desenvolvamos no Claustro, comisións e órganos de goberno, e das nosas propostas e opinións.

2006-04-28

Presentación


Na candidatura QUEICOIÑAS participamos persoal funcionario e laboral dos distintos centros, campus e profesións e que conta entre os candidatos e candidatas con compañeiros con experiencia nos órganos de goberno e outros que se incorporan e achegan o aire da renovación e a ilusión da xuventude. Non estamos sos, formamos parte dun amplo Colectivo Nacionalista de estudantes, profesores e pas, o que nos ten permitido multiplicar as nosas forzas para acadar os nosos obxectivos e cumprir cos nosos compromisos.